Igrexa parroquial de Santa Mariña do Rosal e retábulo maior barroco

A Moi Leal Vila do Rosal, na provincia de Pontevedra, comarca do Baixo Miño, constituíuse en concello ó independizarse do da Guarda en 1847.
Está formado polas parroquias de Santa Mariña (capitalidade), Tabagón (San Xoán e San Miguel) e pola de Eiras (San Bartolomeu).
A nosa igrexa parroquial, en orixe de estilo románico, remóntase en antigüidade ó século XII. Pois, o 26 de xuño de 1137, o rei D. Afonso VII fíxolle doazón ó mosteiro de Santa María a Real de Oia, da igrexa de Santa Mariña do Rosal. E, dende entón, foi de presentación daqueles Monxes do Císter ata o século XVI.
En 1567 o bispo de Tui, D. Diego de Torquemada, mandou levanta-la capela maior e tamén ensancha-la igrexa, perdendo esta o seu primitivo mérito artístico. Dende esta data do século XVI, a igrexa parroquial dunha soa nave en cruceiro, contou con catro capelas novas, tres das cales pertencían a patronos laicos, da nobreza, con dereito a sepultura. A capela maior, con bóveda de estilo gótico e fermosa crucería, péchase con arco de triunfo de medio punto. E nesa capela acoplaráselle, como veremos, o retábulo do altar maior.
Das diferentes reformas levadas a cabo na igrexa parroquial, unha das máis importantes foi a reedificación (segundo a cartela da fachada) de 1847. Nela desapareceron as capelas, pasando a ser altares; as paredes da igrexa, que era dunha soa nave, foron sustituídas por pilastras de pedra nas que descansan arcos neogóticos, ensanchándose a igrexa en tres naves, nas que as laterais son de arcos de medio punto.
A fachada, que parece tiña unha pequena torre central, agora máis decorada, rematouse coa imaxe da patroa Santa Mariña. Adosándoselle á dita fachada, pola dereita, un monumental campanario cuadrangular, que lembra ó estilo manuelino portugués. Debaixo do mesmo, no interior, acolleu ata hai pouco, o baptisterio.
Na súa cume atópase, dende 1918, o reloxo da igrexa. No outro lado da fachada engadíuselle, pechando esa nave lateral, un corpo (tipo plataforma), que o pobo cree foi realizada para “torre do reloxo”. Por esta plataforma súbese, tanto para o coro, como para o campanario. Nesta tribuna, que se asenta sobre un amplo arco, tipo carpanel, pode apreciarse uns fermosos frescos, obra pictórica do preclaro artista guardés (con estudo en Madrid, onde finou en 1921), Manuel Ángel. Foi relizada no último cuarto do século XIX e recolle esceas da vida e martirio de Santa Mariña.

O RETÁBULO MAIOR, PRECIADA XOIA DO BARROCO DIOCESANO
Hoxe a igrexa de Santa Mariña conta cun dos retábulos máis interesantes e fermosos da diócese tudense, tanto polas súas dimensións e o seu estilo barroco, como polo seu simbolismo, finísimo acabado e óptima conservación.
Aínda que a parroquial conta, entre os seus altares, con cinco retábulos barrocos do século XVIII, só imos a referirnos ó da capela maior. Este retábulo, que se acoplou nesa capela gótica, adaptándose á nervadura da bóveda, semella unha colosal fachada artística, lembrando á cuncha dunha grande vieira. Como esta, o retábulo na banda media-superior aparece cóncavo e semicircular, mostrando ata sete nervos ou estrías. Nervos que se irradian e saen do espazo interior e fondo como de magna “hornacina” onde se acolle o tabernáculo-expositor moi similar a unha pirámide, en gradas.
Todo o retábulo fermosamente decorado, leva por base ornamental anxiños e follas, quizais de acanto, que simbolizan a inmortalidade. O conxunto semella atoparse sostido por tres series de columnas salomónicas en arquivolta, que se cortan por algo que lembra a unha quebrada cornisa, que tamén decora. Estas columnas, finamente torneadas, belamente policromadas, exórnanse, ademais de con aquelas follas vexetais, con nenos (anxos) que, parece, collen espigas, aves que xa picotean ós nenos, xa ós acios de uvas brancas ou tintas. Posible, alusións á Eucaristía.
O retábulo, que se asenta nun pedestal de madeira, xaspeado ó oleo, que leva mesa central, facendo de altar, mostra sobre el o sagrario cun anxiño a cada lado e na súa cima unha sinxela peana, onde preside a patroa da parroquia Santa Mariña de xeonllos e orante.
Neste corpo central e á súa dereita obsérvanse as tallas de Santa Lucía e San Xulián; á esquerda as imaxes de Santa Bárbara e San Mauro. E máis nos extremos do retábulo, San Pablo á dereita e San Pedro á esquerda, como puntais apostólicos da Igrexa Católica.
Algo máis abaixo da imaxe de San Pablo, delicadamente esculturada, apréciase un sol (símbolo de Cristo) e por debaixo de San Pedro, unha lúa en cuarto crecente (símbolo da Virxe María).
Na parte superior dereita do retábulo, sobre aquela nomeada cornisa, óllanse as imaxes de San Miguel Arcanxo e na esquerda a de San Xoán Bautista. E no cénit do retábulo unha carteliña ou escudete, móstrase unha cruz e unha palma (cruzados), baixo unha coroa, símbolos da fe e do triunfo do martirio de Santa Mariña. Por debaixo, en lugar preferente, unha ave coas súas ás abertas, tal vez, un pelícano, símbolo de Cristo.
O retábulo, labrado en madeira de castaño, debeu realizarse no primeiro cuarto do século XVIII. No mes de marzo de 1729, na cidade de Tui, D. Juan Antonio Ferreirós y Araújo, cóengo prevendado da Santa Catedral e abade “sin cura” (beneficio simple) da parroquia de Santa Mariña do Rosal, firma en unión dos artistas Ignacio Álvarez de Lara, veciño de Tui e Juan Antonio Rolán de Santa Cruz, veciño da Vila da Guarda e este en nome tamén do seu irmán Francisco Rolán, un contrato a fin de pintar e dorar dito retábulo, así como o estofado onde correspondese, “y cuyo oro ha de ser del más subido quilate”. Traballo que se fará, lembra o documento “según arte y con todo primor”.
Esta obra comezaría a primeiros de maio e se remataría “por todo mes de agosto que viene”. Os pagos, en tres prazos, os fará D. Juan Antonio Ferreirós, nun total de 12.000 reais de vellón.
Polas súas características e semellanzas con diversos retábulos portugueses (de Monzón e Camiña, entre outros) podemos asegurar que é obra de artista e taller portugueses. De calquera xeito, a investigación continúa a fin de localizar ó seu autor ou autores.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE