PREGÓN DA XVI FESTA LUSO-GALAICA: ENCONTRO DEDICADO AO CONCELLO DO ROSAL, NA CASA DA ANTA


Dignísimas autoridades, representacións e convidados da beira do Miño portuguesa e galega, benvidos e moi boas tardes a todos.
Atopámonos no día de hoxe aquí reunidos grazas á amabilidade, entusiasmo e interese de Germano Ramalhosa, responsable de Casa da Anta, referente obrigado do turismo galaico-portugués da zona miñota.
É unha honra que se nos encomendara ser pregoeiro deste XVI encontro e xuntanza de CULTURAS, DEPORTE E TURISMO do Norte de Portugal e Galicia, neste 20 de setembro do 2008.
En primeiro lugar queremos lembrar aquí unhas verbas que escribiu o presidente da Cámara de Camiña, naquel entón, 1987, Don José Joaquín Pita Guerreiro. Foron insertas na revista “Lucerna” do Centro de Estudios Humanísticos, na apertura do Seminario Luso-Galaico sobre Arqueoloxía e Historia do Arte, a propósito do VII Centenario do Foral de Camiña. Estas foron as súas palabras:
“O Minho e a Galiza constituem ainda hoje, de certa forma, uma unidade étnica bem patente na fala e nos costumes dos seus habitantes, na paisagem natural destas duas regiôes e nos sentimentos que se manifestam nas suas gentes.
Desta maneira de ser e de sentir nasceram no passado as “cantigas de amigo” do cancioneiro luso-galaico e despontam ainda hoje diversas manifestaçôes literárias e artisticas comuns ao Minho e à Galiza.
As raízes desta realidade étnica mergulham bem longe na história da Península Ibérica”.
Certamente ditas afirmacións son reais e tamén evidentes, e por contar coas mesmas raíces; temos polo tanto, o mesmo parentesco que nos obriga, como familia, a compartir e a traballar unidos nos eidos da cultura, do deporte e do turismo. E isto ben sendo o mesmo que traballar polo progreso, o benestar e pola paz dos nosos pobos.
Polo noso traballo de investigación histórica nos arquivos parroquiais e na mesma tradición oral do pobo, chegamos ao coñecemento de diferentes entronques familiares dun lado e doutro do Pai Miño. Proba disto, entre outros, os seguintes apelidos no Rosal: Coímbra, Machado, Magallanes, Sousa, Rocha, Cerqueira, Silva, etc, etc.
Precisamente, como é doado comprobar, as raíces son comúns dende a mesma Prehistoria, aínda na paisaxe, como lembraba o Sr. Pita Guerreiro. Logo, tamén o serían na lingua (as dúas románicas), fillas da mesma nai, o latín; así como igualmente comúns nas súas costumes e na súa etnografía. Todo isto, pois, supón unha constante relación e frecuente convivencia de ámbalas dúas beiras miñotas.
Nunca o noso río foi muralla, foi barreira; polo contrario, o Miño foi camiño, foi fonte de riqueza, foi comunicación, foi progreso.
Nos tempos de guerra –cada lado do río- foi refuxio, e máis dunha vez, ata salvación de moitas vidas ou cando en períodos de fames e enfermidades os nosos antepasados buscaban a solución a esas necesidades no país veciño.
Aínda en tempos difíciles politicamente, había boa vontade de manter as relacións entre pobos irmáns, tal como o conceder fronteira libre nas principais festas e romarías relixiosas dos dous países.
A colaboración económica tamén aparece definida por exemplo:
a) Na frecuente contratación das notables bandas de música, singularmente, da de Lanhelas, reflectidas nas crónicas da prensa local da Guarda: Heraldo Guardés, Voz del Tecla, Nuevo Heraldo e Presente.
b) Porque os talleres pirotécnicos portugueses eran famosos; a eles se lles contrataba para os fogos nas festas do lado español, galego e baixomiñoto.
c) Son repetidas tamén as citas nos libros dos Arquivos Parroquiais (e nas inscricións das campás) referentes aos talleres de fundición das mesmas en Portugal.
Non menos notable foi a prestación que de man de obra especializada lusa recibiu Galicia, o Baixo Miño e moi concreto o concello do Rosal (especialmente as parroquias de San Bartolomeu das Eiras, San Xoán e San Miguel de Tabagón).
Esta man de obra consistía na contratación de profesionais portugueses da construción: canteiros, carpinteiros, escultores, albaneis… que traballaron en cantidade de monumentos artísticos, pero especialmente en moitas igrexas baixomiñotas, dende a Cidade de Tui á Vila da Guarda.
A seguir damos a coñecer rapidamente unha mostra das moitas e diferentes obras realizadas por canteiros portugueses na zona do Baixo Miño.
·José Fernández, veciño de Gondarém, que rematou as obras da igrexa de Eiras (1790).
·Juan Antonio Lages, veciño de San Martiño de Lanhelas, que traballou con José Fernández na igrexa de Eiras.
·José Manuel Pallón (Palón), veciño de Lanhelas, finísimo canteiro, grande empresario, que en 1806 rematou as obras do campanario da igrexa de Eiras.
No 1808 este mestre canteiro fíxose cargo da reedificación de cinco arcos do corpo principal da igrexa de San Miguel de Tabagón.
En 1811 realizaba obras na fachada da igrexa de San Miguel de Pexegueiro (Tui).
En 1814 José Manuel Palón traballaba nas obras de mellora da capela maior de Santa María de Tebra (Tomiño).
En 1816 o Sr. Palón axustou as obras de restauración na capela maior da igrexa de Santa María de Tomiño. Nesta mesma data, pero en febreiro, en que remataba obras en Eiras, foi elixido pola “Hermandad de San Telmo” en Tui, para realizar obras de mellora no adro de San Telmo.
No ano 1819 tomou parte nas obras da nova igrexa de Santo Tomé de Parderrubias (Salceda de Caselas).
·José Antonio Araújo Ramallosa, mestre canteiro, natural de Gondarém, foi o autor do artístico cruceiro da praza de San Martín de Figueiró (Tomiño, 1875).
En 1862 contrata obras na igrexa de San Lourenzo de Salcidos. No 1866 traballa na pavimentación da igrexa de San Cristobo de Goián.
·Joaquín Carballo e o seu fillo José, de Loivo e Gondarém, escultores, son autores do altar e da urna do milagreiro San Campio de Figueiró (Tomiño) en 1894.
·José Manuel Barros Grelo, da freguesía de Zopo, a quen se lle debe en 1900 a obra da base, columna e capitel do monumento dedicado á Virxe Peregrina de Estás (Tomiño).
·Justino José Estévez, veciño de Zopo, xove escultor, autor da artística e fermosa imaxe de Nosa Señora “A Peregrina” de Estás.
Esta relación de veciños portugueses, tiveron sen dúbida, grande convivencia cos nosos pobos galegos.
Pero testemuño de hoxe, de verdadeira irmandade e de colaboración, ademais dos actos programados nesta ocasión, é sen dúbida, a nova ponte do Baixo Miño, entre as beiras miñotas de Vilanova de Cerveira e Goián-Tomiño, que alguén tan acertada e oportunamente bautizou co expresivo nome de PONTE DA AMIZADE.
É de xustiza o lembrar e agradecer aquí novamente a Germano Ramalhosa, xerente da Casa da Anta, preclaro anfitrión, esta iniciativa de xuntanza e convivencia entre as dúas marxes do Miño. Para el os nosos máis sinceros parabéns, tanto de parte dos miñotos galegos como portugueses.
Rematamos esta exposición (capítulo de tempos pasados da nosa Historia común), esperando nos faga reflexionar. En consecuencia, podamos emprender estudos conxuntos, para que unidos, defendamos mellor as nosas raíces, a nosa historia, a nosa cultura. Confiemos nun futuro cheo de paz e de entendemento, de unidade e progreso, para ámbolos dous países e os seus cidadáns.
E que así sexa.
¡Moitas grazas!

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE
Lanhelas, 20 de setembro de 2008.